un peixe é un peixe é un peixe
encascar redes de algodón:
as redeiras de Fisterra
escriben tratados de química
no branco encaixe das redes
a casca de pino coce no caldeiro
flúe a resina cor de mel
á noitiña as redes dormen no pío
a encascar
sen saber os nomes, terpenos
ácidos resínicos, trementina
coñecen o pensamento das sardiñas
as redes novas brillan na auga como o leite na canada
as sardiñas desconfían
encascada, a rede confúndese coa noite,
invisíbel
á hora a que as sardiñas soben
sen gardarse do trasmallo
a sardiña é azul, verde, prateada
á fin
un peixe é un peixe é un peixe
e ti, Manuel, mariñeiro, linguironista,
o que saben as túas mans cortadas polos linguiróns,
o que aprenderon os teus pulmóns, as túas vértebras
está por escribir
cando guindas ao mar o escandallo de pedra cunha bicada de sebo
así trazaron as cartas náuticas
do Bufadoiro á Punta da Alba, da Carraca á Sestosa
mais nas súas cartas, as curvas de nivel, as profundidades, os baixíos
non dan conta dos limpos onde pescar rapantes,
da pequena faneca entre as rochas
a xente non sabe comer fanecas, cren que hai peixes sen espiñas
un peixe é un peixe é un peixe
segredos que revela o escandallo
a quen sabe descifralos
Para Manuel López